Se é certo iso de que...

... unha imaxe vale máis ca mil palabras, e as matemáticas non fallan, velaí a nosa visita a Cabo Verde en algo máis de 101 000 palabras.

A música é, como non podía ser doutro xeito, de Cesaria Evoria ;)



Ata sempre e xa sabedes, graciñas por acompañarnos!!!

Sabela

Contándovos cousiñas...

Olaaaaaaa!!!

Trece días despois de iniciar a viaxe a Cabo Verde, e tras engadirlle uns días en Madrid e Boiro, estamos de volta en Muimenta.
Sobra dicir que non foi posible actualizar o blog desde alá por non termos conexión a Internet, poucas eran as vivendas xa non con internet, senón con auga corrente ou mesmo con luz eléctrica. De todos modos, na moleskine (grazas, mozas) fun facendo anotacións diarias...

Tamén é certo que gran parte dos días tiveron que ser excesivamente sedentarios para o noso gusto :( Foi por mor dunha bacteria e varios parásitos que se asentaron e camparon ás súas anchas polo intestino de Rosalía ata que a viu un médico e lle recitou o medicamento apropiado para eliminalos...



De todos modos, tendo en conta que a Ilha do Sal é ben pequeniña e a pesar de ter poucas estradas (non máis de 30 quilómetros asfaltados), creo que conseguimos percorrela case na súa totalidade co jeep que alugamos con esa finalidade. Vese que Cabo Verde intenta abrirse ó turismo e moito nos tememos que dentro duns anos este arquipélao pouco terá que ver co que estes días tivemos ocasión de visitar... Xa se ven grandes superficies pechadas con intención de crear nelas complexos hoteleiros cos que poder atraer o turismo, esperemos que sexan capaces de facelo sen deteriorar moito o medio ambiente. Nas seguintes fotos podedes apreciar a paisaxe desértica da illa, as covas naturais de Buracona e as Salinas que se atopan no cráter dun volcán na localidade de Pedra Lume (50 habitantes), alí tomamos un baño de sal e pelexamos coa densidade da auga para poñernos de pé ;)











Antes de enfermar Rosalía tamén tivemos ocasión de ir bucear a carón das tartarugas, estrelas de mar e peixes de cores que viven nunha embarcación que atopamos afundida a 8 metros de profundidade como consecuencia dun naufraxio e onde gozamos un montón dese fondo mariño. Tamén nos desprazamos nunha lancha motora ata un punto no que colocaron hai catro anos o "Cristo dos mares" a 5 metros de profundidade e por onde pasan a diario os barcos de pesca cando saen faenar.













Foron moitos os paseos que fixemos camiñando, de día ou de noite, ata a veciña localidade de Santa María. Alí comemos en varias ocasións, xogamos na Praza, escoitamos música mentres se celebraba o 36º aniversario da Independencia de Cabo Verde... En fin, vivimos momentos ben divertidos e significativos nos que aprendemos moitas cousas.









Un día Iago, Ánxela e mais eu desprazámonos en avión de hélice ata a veciña illa de Santiago onde se atopa a capital do arquipélago, Cidade de Praia. Foi unha xornada moi completa e enriquecedora durante a cal escoitamos interesantes explicacións históricas e culturais. Tamén tivemos ocasión de visitar unha praza na que antigamente vendían escravos chegados de Guinea e que desde alí trasladaban a América. Impresionante!!!

















Outros momentos incribles foron os vividos arredor do peirao en Santa María: a pesca de enormes peixes que alí mesmo limpaban e preparaban para vender...













A "caza" nocturna de tartaruguiñas de auga para despois utilizalas como cebo...




E os saltos á auga dos rapaces que eran auténticos acróbatas sen nada que envidiar ó "Circo do Sol" e maila nosa ousadía intentando imitalos...











Por último, fixemos fotos do máis auténtico, interesante e preciado que atopamos neste arquipélago: as nenas e nenos caboverdianos. Ofrézovos unha pequena selección e prometo elaborar con esas bonitas e significativas imaxes un pequeno vídeo que subirei nunha vindeira entrada.











Moitas grazas por seguirnos nesta nova aventura e ata sempre!!!!

Sabela.


Preparadas, listos...

... e aló vamos!!!

Hai xa unhas horiñas que temos as mochilinhas listas para cargar mañá pola mañá no coche e saír cara ó aeroporto de Barajas en Madrid. Gústanos viaxar coa mínima equipaxe e desta volta creo que conseguimos minimizar vultos... unicamente levaremos catro: a mochila XXL de Carlos e maila miña, o raqueteiro de Iago onde acomodamos tamén as toallas de baño e a mochila das "tecnoloxías" que terá un papel importante para manternos pretiño de vós. Nesa mesma liña temos tamén preparadas as mochilnhas virtuais que desta vez serán dúas xa que, por sorte, cada vez nos acompañades máis persoas queridas. Desas mochilas tan especiais encargaranse Paulo e Rosalía, así que subide tranquilos que estades en boas mans ;)

Graciñas por virdes con nós e esperamos, moi pronto, poder contarvos cousas desde Ilha de Sal. Mentres tanto, deixovos este vídeo para acompañar a espera...

Biquiños!!!

Iniciando unha nova escapadiña

Ola amigas e amigos, aquí estamos de novo!!!!

Hai xa un par de anos que lle tiñamos botado o ollo a esta parte do mundo: Guinea, Gambia, Senegal... pero non foi ata o pasado mes de abril que atopei a oferta que necesitaba para tomar a decisión. O caso é que, por menos cartos do que noutras ocasións supoñía simplemente o avión ata Cabo Verde, contratei voos de ida e volta, visados e nove días de estancia nun hotel de Ilha de Sal en réxime de aloxamento e almorzo. A verdade é que o plan non se corresponde exactamente co noso estilo de viaxar pero a oportunidade creo que pode merecer a pena, pensando ademais nas queixas que ás veces os pequenos manifestan por "tanta aventura" decidimos tirar para adiante e facer así unha primeira incursión neste arquipélago tan atractivo.

Cóntovos dúas ou tres cousiñas que aprendín buscando información pola rede e mais coa única guía en papel que atopei.



Cabo Verde é unha República independente desde o ano 1975. Está formado por dez illas situadas no Océano Atlántico a tan só 450 km. da costa africana de Senegal.
A moeda en circulación é o escudo caboverdiano (1€=110ecv) e o clima defínese como subtropical templado seco cunha temperatura media de 25ºC e escasas chuvias.
É necesario posuír visado para entrar no país e que o pasaporte teña unha caducidade superior a seis meses.
Non é obrigatoria a administración de vacinas pero nalgúns foros recomendan levar postas as da febre amarela, cólera, malaria e paludismo por teren estas enfermidades algunha incidencia no país. Maloserá ;)
A lingua materna e de comunicación habitual en Cabo Verde é o creoulo (mestura de portugués e francés co mandingo da costa de Guinea), o idioma oficial é o portugués.



A Illa que temos previsto descubrir nestes días é a Ilha do Sal, a súa paisaxe é desértica, de orixe volcánica e é tan chá que se o nivel do mar subise tan só seis metros, desaparecería por completo. Recibe o nome polas importantes salinas que ten, unha delas no cráter dun volcán xa extinguido e que se atopa á altura do nivel do mar, coñécese tamén pola presenza de praias de area moi fina e augas cristalinas ideais para o buceo. A illa é pequena, 30 km. de longo por tan só 12 de largo, cun total de 216 quilómetros cadrados e tan só 18 000 habitantes entre os que abundan os nenos e nenas xa que o índice de natalidade é de catro crianças por muller ;)



Esta tarde teremos que poñernos a preparar as mochilinhas para poder saír mañá, domingo, arredor das dez da mañá cara a Madrid e alí subirnos ó avión no que voaremos durante as catro horas e media que dura a travesía ata Cabo Verde.

De todos modos, a mochilinha especial que vós coñecedes, aquela na que sempre levamos un pedaciño de cada un e cada unha de vós, a que alimenta a nosa ilusión e ganas de aprender, esa xa hai ben tempo que está preparada... Benvidas a ela!!!!!!!