Contándovos cousiñas...

Olaaaaaaa!!!

Trece días despois de iniciar a viaxe a Cabo Verde, e tras engadirlle uns días en Madrid e Boiro, estamos de volta en Muimenta.
Sobra dicir que non foi posible actualizar o blog desde alá por non termos conexión a Internet, poucas eran as vivendas xa non con internet, senón con auga corrente ou mesmo con luz eléctrica. De todos modos, na moleskine (grazas, mozas) fun facendo anotacións diarias...

Tamén é certo que gran parte dos días tiveron que ser excesivamente sedentarios para o noso gusto :( Foi por mor dunha bacteria e varios parásitos que se asentaron e camparon ás súas anchas polo intestino de Rosalía ata que a viu un médico e lle recitou o medicamento apropiado para eliminalos...



De todos modos, tendo en conta que a Ilha do Sal é ben pequeniña e a pesar de ter poucas estradas (non máis de 30 quilómetros asfaltados), creo que conseguimos percorrela case na súa totalidade co jeep que alugamos con esa finalidade. Vese que Cabo Verde intenta abrirse ó turismo e moito nos tememos que dentro duns anos este arquipélao pouco terá que ver co que estes días tivemos ocasión de visitar... Xa se ven grandes superficies pechadas con intención de crear nelas complexos hoteleiros cos que poder atraer o turismo, esperemos que sexan capaces de facelo sen deteriorar moito o medio ambiente. Nas seguintes fotos podedes apreciar a paisaxe desértica da illa, as covas naturais de Buracona e as Salinas que se atopan no cráter dun volcán na localidade de Pedra Lume (50 habitantes), alí tomamos un baño de sal e pelexamos coa densidade da auga para poñernos de pé ;)











Antes de enfermar Rosalía tamén tivemos ocasión de ir bucear a carón das tartarugas, estrelas de mar e peixes de cores que viven nunha embarcación que atopamos afundida a 8 metros de profundidade como consecuencia dun naufraxio e onde gozamos un montón dese fondo mariño. Tamén nos desprazamos nunha lancha motora ata un punto no que colocaron hai catro anos o "Cristo dos mares" a 5 metros de profundidade e por onde pasan a diario os barcos de pesca cando saen faenar.













Foron moitos os paseos que fixemos camiñando, de día ou de noite, ata a veciña localidade de Santa María. Alí comemos en varias ocasións, xogamos na Praza, escoitamos música mentres se celebraba o 36º aniversario da Independencia de Cabo Verde... En fin, vivimos momentos ben divertidos e significativos nos que aprendemos moitas cousas.









Un día Iago, Ánxela e mais eu desprazámonos en avión de hélice ata a veciña illa de Santiago onde se atopa a capital do arquipélago, Cidade de Praia. Foi unha xornada moi completa e enriquecedora durante a cal escoitamos interesantes explicacións históricas e culturais. Tamén tivemos ocasión de visitar unha praza na que antigamente vendían escravos chegados de Guinea e que desde alí trasladaban a América. Impresionante!!!

















Outros momentos incribles foron os vividos arredor do peirao en Santa María: a pesca de enormes peixes que alí mesmo limpaban e preparaban para vender...













A "caza" nocturna de tartaruguiñas de auga para despois utilizalas como cebo...




E os saltos á auga dos rapaces que eran auténticos acróbatas sen nada que envidiar ó "Circo do Sol" e maila nosa ousadía intentando imitalos...











Por último, fixemos fotos do máis auténtico, interesante e preciado que atopamos neste arquipélago: as nenas e nenos caboverdianos. Ofrézovos unha pequena selección e prometo elaborar con esas bonitas e significativas imaxes un pequeno vídeo que subirei nunha vindeira entrada.











Moitas grazas por seguirnos nesta nova aventura e ata sempre!!!!

Sabela.


2 comentários:

Irene Piñeiro disse...

A espera mereceu a pena :)
Antes de nada, grazas Sabela por compartir esta viaxe connosco e por deixarnos ver esas imaxes que amosan cousas ben interesantes dun lugar totalmente descoñecido, polo menos para min. Parece que intercambiamos papeis porque agora tócame a min ler con entusiasmo as túas entradas e comentar ;) En fin, quitando o problemiña de Rosalía, vexo que foi unha experiencia ben bonita e da que, non cabe dúbida, aprendestes moitas cousiñas ó mesmo tempo que o pasastes ben. Alégrome ;)

Sabela disse...

Moitas grazas Irene, polas túas palabras sempre tan agarimosas e reconfortantes ;)
A ver logo se intercambiamos de verdade os papeis e así eu serei capaz de facer un video no que ofrecervos máis fotografías como fuches facendo ti este curso... Gustaríame ensinarvos moitas máis que as que subín aquí!!!
Un bico grande e grazas por todo.