Iniciando unha nova escapadiña

Ola amigas e amigos, aquí estamos de novo!!!!

Hai xa un par de anos que lle tiñamos botado o ollo a esta parte do mundo: Guinea, Gambia, Senegal... pero non foi ata o pasado mes de abril que atopei a oferta que necesitaba para tomar a decisión. O caso é que, por menos cartos do que noutras ocasións supoñía simplemente o avión ata Cabo Verde, contratei voos de ida e volta, visados e nove días de estancia nun hotel de Ilha de Sal en réxime de aloxamento e almorzo. A verdade é que o plan non se corresponde exactamente co noso estilo de viaxar pero a oportunidade creo que pode merecer a pena, pensando ademais nas queixas que ás veces os pequenos manifestan por "tanta aventura" decidimos tirar para adiante e facer así unha primeira incursión neste arquipélago tan atractivo.

Cóntovos dúas ou tres cousiñas que aprendín buscando información pola rede e mais coa única guía en papel que atopei.



Cabo Verde é unha República independente desde o ano 1975. Está formado por dez illas situadas no Océano Atlántico a tan só 450 km. da costa africana de Senegal.
A moeda en circulación é o escudo caboverdiano (1€=110ecv) e o clima defínese como subtropical templado seco cunha temperatura media de 25ºC e escasas chuvias.
É necesario posuír visado para entrar no país e que o pasaporte teña unha caducidade superior a seis meses.
Non é obrigatoria a administración de vacinas pero nalgúns foros recomendan levar postas as da febre amarela, cólera, malaria e paludismo por teren estas enfermidades algunha incidencia no país. Maloserá ;)
A lingua materna e de comunicación habitual en Cabo Verde é o creoulo (mestura de portugués e francés co mandingo da costa de Guinea), o idioma oficial é o portugués.



A Illa que temos previsto descubrir nestes días é a Ilha do Sal, a súa paisaxe é desértica, de orixe volcánica e é tan chá que se o nivel do mar subise tan só seis metros, desaparecería por completo. Recibe o nome polas importantes salinas que ten, unha delas no cráter dun volcán xa extinguido e que se atopa á altura do nivel do mar, coñécese tamén pola presenza de praias de area moi fina e augas cristalinas ideais para o buceo. A illa é pequena, 30 km. de longo por tan só 12 de largo, cun total de 216 quilómetros cadrados e tan só 18 000 habitantes entre os que abundan os nenos e nenas xa que o índice de natalidade é de catro crianças por muller ;)



Esta tarde teremos que poñernos a preparar as mochilinhas para poder saír mañá, domingo, arredor das dez da mañá cara a Madrid e alí subirnos ó avión no que voaremos durante as catro horas e media que dura a travesía ata Cabo Verde.

De todos modos, a mochilinha especial que vós coñecedes, aquela na que sempre levamos un pedaciño de cada un e cada unha de vós, a que alimenta a nosa ilusión e ganas de aprender, esa xa hai ben tempo que está preparada... Benvidas a ela!!!!!!!

3 comentários:

Aivou disse...

Boa viaxe... aí imos :o)

rosana disse...

toda cómoda xa! a todo flispín"

Irene Piñeiro disse...

Que boa pinta ten esta viaxe, que interesante!Eu non mo quero perder...